Andiven estes dias por Santa Mariña, onde teño alguns amigos que se criaron entre cons e salitre, coa mirada sempre cara o mar. Naquela terra esgrevía, tan brava coma fermosa, está o corazón da Costa da Morte, e naquelas beiras minimas, arrincoadas entre os penedos da Serra Forcada e o peito do batente mar sobreviven os últimos Artabros.
Os que eu coñezo son xente diferente; alegres, recios e sinxelos, mais tamén acolledores, nobles e orgullosos, nunca lles escoitei unha queixa ainda que están afeitos a xogarse a vida todolos dias para quitarlle o sustento o mar, como levan fazendo xeración tras xeración dende que ninguén acorda.
Esta claro que son doutra madeira, por eso, cando estou con eles síntome pequeno entre grandes e eso me gusta, tanto coma percorrer as furnas abertas nos cantis que dan forma as fauces do xigantesco dragón que os cría, prótexe e as veces devora, igual que bástagos de cocodrilo, igual que os nacidos da serpe.
Para calquera que guste das emoción intensas, de xentes auténticas, e dunhas paisaxes vires e primixenias das que xa apenas restan nesta terra, que vaia fazendo amigos por Camelle, Arou, e Santa Mariña. Eu ando haber si os camelo pra metelos nunha pintura…